Friday 17 de May de 2024

O Teléfono de Atención e Información ao Cidadán da Xunta ‘012’ xestionou 1,7 millóns de chamadas desde a súa posta en marcha


O 65 por cento das chamadas recibidas teñen a súa orixe en cuestións relacionadas co Medio Rural, especialmente queimas e información agraria

O Teléfono de Atención e Información ao Cidadán da Xunta de Galicia, 012, atendeu 1.703.358 chamadas no período que vai desde xuño de 2011 -cando se puxo en marcha- e decembro de 2014. Así o revelou hoxe en rolda de prensa a directora xeral de Avaliación e Reforma administrativa, Natalia Prieto, que asegurou que estes datos confirman ao 012 como a referencia telefónica da Xunta para a atención cidadá.

Do total das chamadas xestionadas, un 65 por cento teñen a súa orixe en cuestións relacionadas coa área de Medio Rural, repartidas entre comunicacións de queimas e xestións da Oficina Agraria Virtual. A este tipo de chamadas séguenlle en volume ás de información xeral, Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal, demanda de emprego e o servizo de dependencia.

Co obxectivo de centralizar toda a información da Xunta de Galicia aos cidadáns, no verán do ano 2011 a actual Vicepresidencia da Xunta puxo en marcha o número de teléfono 012, que aunaba a xestión de varios teléfonos de información que ata ese momento operaban de xeito independente.

Unha nova ‘porta de entrada’ para o cidadán
Así, o 012 convertíase nunha porta de entrada para o cidadán, a través da cal puidese recibir a información e orientación que máis lle interesase. A introdución dun sistema automatizado de atención telefónica permite mellorar os niveles de atención e prestar un mellor servizo ao cidadán, ao permitir a interacción telefónica co sistema as 24 horas do día os 365 días do ano.

Os teléfonos que se integraron no 012 foron os destinados á información en materia de vivenda (902.100.054); o de información ás mulleres (900.400.273); o teléfono Quérote (902.141.617); o teléfono Xove (902.152.535); o do Voluntariado (900.400.800); o teléfono de atención aos usuarios do Servizo de Emprego de Galicia (902.125.000 e 902.262.902, para demandantes e empregadores, respectivamente); o teléfono social (900.333.666); e o teléfono 065.

Tamén se incluíu neste servizo centralizado o novo servizo correspondente á área de dependencia da Consellería de Traballo e Benestar -que abarca toda a información xeral en materia de dependencia, a información do trámite administrativo no que se atopan os expedientes iniciados e a xestión de citas de valoración do grao de dependencia- e o teléfono do Agro Galego (902.112.000), que foi o pioneiro.

Máis de seis millóns de aforro
A unificación destes servizos telefónicos constituíu unha medida máis de racionalización e eficiencia na xestión do gasto dentro das tomadas polo actual goberno da Xunta de Galicia. Concretamente, a centralización do 012 supuxo un aforro de máis de seis millóns de euros nos preto de catro anos que leva funcionando; ademais de supor unha mellora da xestión dunha información fiable, concreta e inmediata, que é o obxectivo primordial deste servizo.

Neste sentido, o 012 ofrece unha serie de vantaxes para o usuario como son a sinxeleza do número, doado de recordar e marcar; a coherencia na información ou a oferta dun servizo integral, posto que o mesmo operador pode responder calquera consulta realizada polo cidadán, independentemente da súa tipoloxía.

Ademais, ofrece varias canles de comunicación, tanto para a demanda de información como para a súa recepción, porque xunto ás convencionais chamadas telefónicas tamén se pode empregar o correo electrónico e as mensaxes SMS. Mediante estes tres sistemas, o usuario poderá recibir tamén solicitudes, formularios, folletos, trípticos e incluso avisos e alertas.

O uso doutros canais de comunicación como é o caso dos emails, motivou un descenso no volume de chamadas recibidas, en favor deste canal de información. En total, desde a posta en marcha desta funcionalidade ata decembro de 2014 o 012 atendeu a un total de 24.807 emails, nun numero que foi ascendendo progresivamente.

Nova contratación
O xoves pasado, o Consello da Xunta autorizou a nova contratación do Servizo de Atención e Información á cidadanía a través do teléfono 012, que se iniciará o próximo mes de xuño cunha duración de dous anos prorrogables e un importe de 4,6 millóns euros.

Unha das principais novidades deste contrato é que se incorporarán tres novos números: o teléfono de información turística, da Axencia de Turismo de Galicia; o de información sobre facturación eléctrica e Redexga da Consellería de Economía e Industria; e se ampliará a área de discapacidade, dependente da Consellería de Traballo e Benestar.

Coa integración do teléfono de información turística, o 012 achega Galicia á cidadanía e reforza o turismo como fonte de ingresos da Comunidade. Pola súa banda, a integración do Servizo de información sobre reclamacións das facturas de enerxía eléctrica, facilita o asesoramento á cidadanía nun eido que soe xerar un número elevado de consultas e reclamacións debido á súa complexidade.

Por último, a inclusión neste número único do Servizo de información e soporte á xestión da citación para o recoñecemento na área da discapacidade, amplía a atención cidadá nesta área tan importante, xa que se unifica á xestión das citas de discapacidade, a información xeral e a información particular sobre esta área.